viernes, 15 de junio de 2012

O proceso que executamos no momento da percepción denomínase intuición. A intuición é a operación do coñecemento que permite a captación inmediata de algo. Non é un proceso mediado pola reflexión, e por iso nel non podemos distinguir fases. Mais si podemos distinguir dous tipos de intuición dependendo de como se nos dean os datos que van ser captados. a) Os datos danse simultaneamente ao proceso de captación polos sentidos e proveñen do mundo exterior ao suxeito, isto é, dun obxecto “transcendente”. O resultado deste proceso é a percepción. b) Os datos sensibles extráense de experiencias previas, é dicir, son inmanentes ao propio suxeito, ou son recreados polo propio suxeito. Os primeiros proveñen da memoria lembrando experiencias previas e os segundos da imaxinación. Ademais dos esquemas que subministra a experiencia individual, o ser humano posúe, pola súa característica de ser cultural, uns coñecementos compartidos co resto dos seres humanos e que se transmiten na aprendizaxe por medio da linguaxe. O coñecemento non remata coa percepción, nin tan sequera no recordo ou imaxinación. En realidade, non dicimos que coñecemos o que é un obxecto só porque viramos un, senón que queremos dicir que podemos identificar outros obxectos semellantes a el como pertencentes á mesma clase. O coñecemento, neste último sentido, precisa de algo máis ca unha simple percepción, precisa unha síntese de percepcións distintas baixo un denominador común, que é o concepto. Este vén sendo, xa que logo, o conxunto de trazos característicos cos que asimilo as percepcións particulares. Estes conceptos que se forman a través da síntese da miña experiencia son usados pola razón para codificar para min o mundo, e cada nova experiencia tratará de axustarse a eles. Os conceptos ordénanse na nosa mente dun modo xerárquico, formando un sistema de relacións mutuas de tal xeito que a memoria pode recuperar parte do noso coñecemento no momento preciso. Os coñecementos que non se atopan “ben ordeados” son facilmente esquecibles ou recuperables unicamente de xeito casual e non producen coñecemento verdadeiramente operativo. Unha parte da información obtémola por inspección observacional a través dos sentidos, a este tipo de coñecemento chamámoslle coñecemento directo. Grazas a que somos capaces de organizar a información en conceptos e proposicións, mediante a linguaxe podemos pensar, imaxinar e describir modelos posibles sobre a realidade. Así grazas ao razoamento inferencial podemos construír nova información sobre o mundo. A este tipo de coñecemento chamámoslle indirecto ou inferencial.

No hay comentarios:

Publicar un comentario