jueves, 21 de junio de 2012

A ciencia é unha forma de coñecemento. O que os científicos fan cando elaboran ciencia é unha actividade que consiste en producir, usar e modificar modelos que describen e explican a realidade para tratar de resolcer problemas, de comprender e explicar os fenómenos que observamos.

O coñecemento científico é racional, en primeiro lugar polo seu carácter sistemático e en segundo lugar porque as súas teorías ou modelos han de ser xustificadas. Isto quere dicir que ademais de seren coherentes entre si, teñen que poder superar con éxito duras probas de contrastación ou comprobación para seren aceptadas.

Por estar xustificado mediante duras probas de contrastación, o coñecemento científico preséntase como obxectivo, é dicir, coa pretensión de representar de forma adecuada o mundo natural ou social.

O coñecemento científico é un coñecemento perfectible, revisable, autocorrectivo e autocrítico. Dentro das finalidades que se propón, é a mellor forma de coñecemento que nun momento dado se posúe.

Falamos de ciencia, pero en realidade non existe unha soa ciencia senón varias: En primeiro lugar hai unha diferenza entre as ciencias formais e as ciencias experimentais. As formais (matemáticas e lóxica) non tratan de feitos, non nos din nada sobre o mundo real. Tratan de signos baleiros de contido semántico e das súas relacións sintácticas ou operacións entre eles. O método propio destas ciencias é o método axiomático-deductivo. A garantía de verdade das súas afirmacións e xustificación racional depende da coherencia formal, e non precisan, polo mesmo, de contrastación empírica.

As ciencias experimentais, en cambio, á parte de ter que cumprir os requisitos formais de coherencia, por trataren de representar a realidade natural ou social-humana, rpecisan -como condición necesaria para a súa xustificación racional- da comprobación empírica, é dicir, da contrastación das súas afirmacións cos feitos, é dicir, de contrastación empírica.
E dentro das ciencias experimentais ou empíricas tamén se fai a distinción entre as ciencias naturais, que teñen por obxecto os fenómenos naturais, e as ciencias sociais ou humanas, o obxecto das cales son os seres humanos e os seus produtos culturais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario